Arredor de Lámbrica

A 'civitas' dun territorio mineiro de fai máis de dous mil anos, moi preto dun embarcadoiro no río Miño.

Lámbrica é unha citania da Idade do Ferro que continuou sendo habitada en época romana. Chegou a albergar máis de dous mil habitantes, pero non está soa. 

Arredor dela existen vestixios que falan da riqueza mineira desa contorna, dos medios de vida daquelas xentes e incluso das inquedanzas artísticas naquelas épocas, que parten de tradicións da Idade do Bronce e que se dilúen trala dominación romana.

Unha cidade tan grande tivo, por forza, que posuír un territorio acorde, cun raio que debeu chegar a varios quilómetros, do que obterían os seus habitantes os  recursos, xa fosen mineiros, gandeiros ou agrícolas, que consumían, transformaban ou transmitían. Poden ser exemplos a carne, os cereais, o liño, o ferro e o ouro.

Ademais, unha vía de comunicación que poderiamos calificar como estratéxica, que vén das zonas mineiras do Carballiño e do Puzo do Lago, atravesa a propia citania para dirixirse, monte abaixo, cara o embarcadoiro no río Miño

Só así pode ser explicada a magnitude desta gran citania, da "Cidade" que servirá, despois da cristianización, para o aproveitamento comunal de pastos, estrume, madeira e lendas de dúas humildes parroquias galegas, San Cibrao das Las e San Xoán de Ourantes.     

Dende o val do Miño, Lámbrica é invisible, pero sitúase a moi pouca distancia do río, comunicándose con el pola calzada que percorre o monte do Santrocado. O cumio do Santrocado é a máxima altitude da contorna, o que dá características para desenvolverse como punto de control do territorio e como fito territorial visible dende varios quilómetros naquelas comarcas.


www.arredordelambrica.webnode.es
© F. González Iglesias. Febreiro de 2019 - maio de 2020. Dereitos reservados.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar