Arredor de Lambrica
A 'civitas' dun territorio mineiro de fai máis de dous mil anos, moi preto dun embarcadoiro no río Miño.
Lambrica é unha citania da Idade do Ferro que continuou sendo habitada en época romana. Chegou a albergar máis de dous mil habitantes, pero non está soa.
Arredor dela existen vestixios que falan da riqueza mineira desa contorna, dos medios de vida daquelas xentes e incluso das inquedanzas artísticas naquelas épocas, que parten de tradicións da Idade do Bronce e que se dilúen trala dominación romana.
Unha cidade tan grande tivo, por forza, que posuír un territorio acorde, cun raio que debeu chegar a varios quilómetros, do que obterían os seus habitantes os recursos, xa fosen mineiros, gandeiros ou agrícolas, que consumían, transformaban ou transmitían. Poden ser exemplos a carne, os cereais, o liño, o ferro e o ouro.
Ademais, unha vía de comunicación que poderiamos calificar como estratéxica, que vén das zonas mineiras do Carballiño e do Puzo do Lago, atravesa a propia citania para dirixirse, monte abaixo, cara o embarcadoiro no río Miño.
Só así pode ser explicada a magnitude desta gran citania, da "Cidade" que servirá, despois da cristianización, para o aproveitamento comunal de pastos, estrume, madeira e lendas de dúas humildes parroquias galegas, San Cibrao das Las e San Xoán de Ourantes.
Dende o val do Miño, Lambrica é invisible, pero sitúase a moi pouca distancia do río, comunicándose con el pola calzada que percorre o monte do Santrocado. O cumio do Santrocado é a máxima altitude da contorna, o que dá características para desenvolverse como punto de control do territorio e como fito territorial visible dende varios quilómetros naquelas comarcas.
