Aliñamento arqueoastronómico na capela do Santrocado nos solsticios de inverno

Tres elementos sinalan unha liña solsticial nos meses de inverno no cumio do monte do Santrocado, moi cerca da citania de Lámbrica.

Nada máis entrar no recinto da capela, na que se venera a San Trocado pero tamén a San Sidre ou Isidro, vemos a rentes do chan unha pequena rocha cunha pía bastante profunda, susceptible de poder conter algún tipo de poste ou elemento sinalador.

Outro punto primordial que queremos destacar está na base da capela, na súa fachada meridional, onde se atopa o altar, o lugar máis sacro do pequeno edificio. Por fóra non contén ningún tipo de sinalización especial.

O terceiro punto estaría noutra pía, situada a rentes da fachada oriental da ermida, xusto onde se atopa o bidueiro moribundo. Nesa rocha existen marcas de límites territoriais.

Unha liña imaxinaria que unise estas dúas pías das que acabo de falar pasaría exactamente pola base do altar da capela. Xa temos tres puntos que obrigatoriamente forman unha liña recta definida que, prolongada ata o horizonte, sinalaranos o punto onde se oculta o Sol no tempo do solsticio de inverno, nos derradeiros días de cada ano, a partir da primeira semana de decembro.

A liña imaxinaria que trazamos entre as dúas pías e o solpor solsticial de inverno vese interrumpida pola capela, polo que hoxe non é posible ver as postas de Sol desde a peneda da pía da fachada oriental, a que está a rentes do bidueiro.

É decir, que os construtores da capela situárona de xeito que quedara interrumpida esta visión solsticial, na que unha liña visual dende ese punto pasaría por outro elemento -que descoñecemos- seguramente de carácter sacro ou ritual, que estaría xusto onde hoxe se sitúa o altar.

Esta circunstancia xa foi observada hai algún tempo, e pode ser conectada con outras teorizacións arqueoastronómicas que enchen de misterio moitos dos lugares arqueolóxicos que inundan o noso país.