O castro ou Coto do Santrocado

 
 
 
O castro do Santrocado, chamado nos arredores "O Coto", está situado na marxe dereita do Miño central, na provincia de Ourense.

En principio, a primeira ocupación do castro do Santrocado enmárcase entre o Bronce final e a Idade do Ferro inicial, o que podíamos situar entre os séculos VII e VI antes de Xesucristo, época da que podemos destacar a aparición de restos de fogar decorado no antecastro e dunha "punta de lanza de bronce composta por unha folla lanceolada de nervo central e unha lingüeta con dúas perforacións dispostas en sentido lonxitudinal" (FARIÑA BUSTO e XUSTO RODRÍGUEZ). Estes autores tamén se refiren ós restos dun vaso carenado de tradición Alpiarça.

Pero, cando se realizan labouras de movemento de terras, e se paseamos polo lugar, podemos atopar microlitos de cuarzo, o que nos levaría a pensar en ocupacións nesa zona dentro dun amplo abano cronolóxico dende o Neolítico recente, arredor do IV milenio antes de Cristo, ata finais da Idade do Bronce, cara o ano 900 a. d. Cristo. Hai que suliñar que nas inmediacións do lugar do achádego só hai formacións graníticas e non existen filons de cuarzo, polo que tivo que ser traído dalgún lugar relativamente alonxado, non menor de dous quilómetros.

A presenza destes microlitos nun castro datado entre os séculos VII e VI antes de Cristo dános a entender que as ocupacións humanas son moi anteriores por aquelas terras, o que enlazaría coa estación paleolítica da Chaira, na mesma ladeira occidental da citania de Lámbrica.

A extracción de cuarzo para a fabricación de útiles debeu de ser, pois, a primeira "minaría" que se practicou na zona, pois o cuarzo é moi abundante nas ladeiras meridionais do Santrocado, na zona de Laias, case á beira do río Miño, e nos montes da Ermida en Eiras, a dous ou tres quilómetros do Coto.

Sería posiblemente na época do Bronce cando se comenzasen a realizar traballos mineiros "metálicos" nos arredores, ao sur do propio Santrocado (Laias, Razamonde) e nos montes de Xinzo e da Ermida e das Moas en Eiras, onde, asociados aos filóns de cuarzo, extraíase casiterita, mineral de estaño, e ouro. Hai que recordar que o estaño forma parte da aleación do bronce, xunto co cobre, polo que estaríamos a falar dun mineral estratéxico naquela época. Non é necesario falar da importancia do ouro.

Nas inmediacións do alto do monte tamén se observaron indicios dalgún enterramento individual en pequeno dolmen ou cista, formado por laxas verticais que forman un edículo de planta rectangular orientado de Leste a Oeste. Non conserva a laxa horizontal ou superior. Este tipo de estruturas funerarias poden suporse da Idade do Bronce, anteriores, por tanto, ao castro propiamente dito.
 
Centrándonos na estrutura do castro, podemos salientar a muralla máis exterior, occidental e meridional, da que se conservan os lenzos derrubados polos lados sur e oeste. Destacar que é relativamente facil atopar restos de cerámica en superficie.

A superficie do castro, moi modificada por obras de aparcamento e de lecer, pode acadar 1,70 hectáreas. No seu cumio existe unha capela onde se celebra unha concurrida -en tempos- romería, o 15 de maio, á que acuden os devotos das parroquias dos arredores do monte: San Cibrao das Las, Ourantes, Laias e Eiras. Arredor desta capela, existe outro lenzo de muralla, máis interior que o meridional e occidental xa descrito. Este pequeno lenzo máis interior pódese observar ao occidente da capela, a uns 8 ou 10 metros.
 
A súa situación privilexiada, a 550 metros de altitude, outórgalle ó monte do Santrocado a singularidade de ser un mirador privilexiado sobre o val do Miño. Na súa ladeira meridional situábase o xacemento de O Castelo de Laias, derrubado polas obras da autovía A-52. Cuevillas, en Prosas Galegas, di que "Por baixo mesmo das abas meridionais do monte do San Trocado, ábrese unha grande veiga, que hai dous mil anos había ser máis depósito de areas e de coíños que veiga na que se puidesen procurar canas de millo, vimbios e videiras. Estas terrazas eran daquela moi axeitadas para a explotación do ouro aluvial que arrastraban o Sil e mailo Miño, e un enxeñeiro de orixe francés, Louis Sauniez, que fixo un estudo das vellas explotacións auríferas nas beiras dos dous ríos, sinalaba en Barbantes evidentes vestixios dun destes lavadeiros. Modernamente, entre o cume do San Trocado e a veiga de Barbantes, recoñecéronse ruínas dun poboado da época romana, con moitos elemenos indíxenas (...)". Era o Castelo de Laias.
 
Ademais do Castelo de Laias, outra serie de castros de menor entidade rodean a este privilexiado xacemento do Santrocado: Castro Martiño, Eiras, Beariz, Ourantes, Salamonde... 

Entre todos eles destaca pola súa monumentalidade a citania de Lámbrica, Castro de San Cibrao das Las, "A Cidade", ao Norte do Santrocado e a escasa distancia. Os castros de O Santrocado e de San Cibrao das Las forman un só conxunto, pois Las, Lámbrica, non sería facilmente defendible polo Sur, de non ser a través de puntos de vixiancia situados no propio cumio do Santrocado.

Como anécdota, decir que hai algúns anos escoitamos unha lenda en Xinzo, no Castro Martiño, onde se fala dunha mina que contén unha serpe que, baixo terra, chega ata a "Cidade". Pero, curiosamente, para os informantes de Xinzo, a "Cidade" non era a ´coñecida de San Cibrao das Las, senon que era o castro do Santrocado.

Na fotografía adxunta vemos o inconfundible bico do Santrocado visto dende a Cidade de Lámbrica, San Cibrao das Las. Nas inmediacións da propia Lámbrica existe un penedo que ten gravado un perfil do monte do Santrocado. Non é o único petroglifo co perfil do Santrocado que se coñece gravado en pedra. No concello de Amoeiro foi estudado outro curioso gravado que está nun abeiro, O Raposo, do que se obtiveron importantes conclusións de temática arqueoastronómica.
 
Na Gran Enciclopedia Galega, na voz San Amaro, dise que "Del coto de San Trocado, que está a poca distancia del Sur de A Cidade y también en el municipio de Punxín, proceden objetos de hierro recogidos de antiguo e interpretados como instrumentos de labranza. Las cerámicas de tipo castreño, tanto lisas como decoradas, afloran frecuentemente, así como molinos y otras piezas líticas. Conserva restos de varios lienzos de muralla y ha sido bastante destruido con la repoblación forestal. 

En su parte alta (550 m.) se enclava la capilla del santo homónimo, en honor del cual se realizaba el 15 de mayo la bendición de los campos de Galicia en una curiosa romería presidida por el párroco de Las y en la que participaban las cuatro parroquias colindantes.
Sobre el yacimiento existe documentación medieval y moderna y no es de descartar la presencia de algún asentamiento posterior al castreño con fines de control del territorio."
 

 

Cuevillas fálanos de que "os antigos núcleos de poboación tiñan un centro relixioso común que era o adicado ó deus da guerra chamado Bandua, emprazado no cume do Santrocado. A el debían concorre-las xentes dos castros veciños para celebra-las cerimonias dun culto común, que quizais tivese tamén un carácter político." 
 
O monte do Santrocado representa un claro exemplo de abandono e de agresión -ambiental e mecánica- do home galego cara o seu patrimonio. As repoboacións forestais e as talas indiscriminadas, os cortalumes ou devasas, as omnipresentes pistas cos seus asfaltados, os traballos con maquinaria pesada, mesmo no propio recinto do castro, con obras agresivas de todo tipo, ao que temos que engadir a total despreocupación polo patrimonio por parte das autoridades, mesmo dos veciños, o que conleva a inexistencia de escavacións, estudos, publicacións e actividades que poderían redundar nun maior coñecemento da riqueza arqueolóxica do monte máis emblemático do Miño central, moi próximo á citania de Lámbrica, e nunha maior riqueza económica pro futuro desta terra, secularmente tan rica como maltratada.
 
 
 
 
BIBLIOGRAFÍA
 

FARIÑA BUSTO, F; XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto do Santrocado (San Amaro-Punxín-Ourense)" en Arqueoloxía-Informes-2, Campaña 1988. Consellería de Cultura. Xunta de Galicia. A Coruña. 1991.

CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)" en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV. Páx. 114-130. Ministerio de Educación Nacional. Dirección General de Bellas Artes. Madrid, 1956.

VVAA: Gran Enciclopedia Gallega. Vol. XXVII, voz San Amaro. Santiago de Compostela / Gijón. 1974.

CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Galaxia. Vigo. 1982.

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense". en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009.

 

 

O val do Miño visto desde o cumio do monte do Santrocado

Lámbrica vista desde o castro do Santrocado

Outubro de 2017. O último bidueiro da capela (houbo en tempos un a cada lado) finou.