San Fiz de Navío

Os castros e a igrexa románica de San Fiz de Navío

05.05.2015 18:31

 

San Fiz de Navío

 

San Fiz de Navío é unha parroquia situada ó Occidente do concello de San Amaro, orientada cara o val do río Avia. Non podemos dar, de momento, dato ningún sobre a prehistoria desta parroquia pero sabemos da existencia de chamativos topónimos como Os Castros ou Castreás, que falan dalgún asentamento prerromano nistes lugares. 

No valado dunha viña puidemos comprobar un resto da vida castrexa nesta contorna: unha metade da moa dun muíño de man, moi abundante nos castros. É unha proba clara, unida ás evidencias que nos aporta a toponimia, de que nesta fermosa parroquia houbo tamén castros. Cando menos, sospeitamos da existencia de dous. 

 

Á falta, de momento, doutros datos arqueolóxicos, podemos contemplar esta curiosidade etnográfica, que recorda as cabezas de tradición castrexa que se atopan en moitos castros galegos. Na nosa zona apareceron representacións no castro de Lámbrica e tamén pola zona de Amoeiro. Neste caso de San Fiz trátase do desaugue dunha antiga cociña, nunha casa do lugar de Outeiro, que ben puidera ser traballada nunha antiga peza castrexa, dándolle así un novo uso.

 

Pero o monumento máis importante da parroquia é un edificio relixioso, a igrexa chamada de San Fiz de Navío, unha xoia do románico, o único edificio deste estilo que podemos atopar no concello de San Amaro. 

 

Pese ás modificacións realizadas na Idade moderna, conserva a estructura primitiva e abundante decoración románica, especialmente na portada principal e no muro do lado Norte.  O  lenzo meridional foi modificado en épocas posteriores, desaparecendo o aleiro cos canzorros románicos.

Nunha banda que recorre o tímpano da porta principal, ilexible na fotografía, hai unha inscrición: FUNDATA EST- ISTA ECCLESIA - SUB ERA: MCCVIII. A era de 1208 correspóndese co ano 1170. É, por tanto, a igrexa máis antiga que se conserva no concello de San Amaro.

 

No cumio do tellado, por encima do arco triunfal que separa a nave central da ábsida, existe unha figura dun carneiro. Este tipo de adornos son habituais no románico, case sempre soportando unha cruz, pero na maioría das publicacións artísticas fálase de año, cordeiro ou Agnus Dei. Eu só quero deixar constancia de que os años non teñen cornos. Ademáis, na tradición oral de moitas aldeas fálase das igrexas románicas como "igrexas de carneiro". 

 

Da igrexa románica de San Fiz de Navío existe un artigo de Rafael Tobío Cendón, "La iglesia románica de San Fiz de Navío", publicado na páxina 25 do número 3 de Argentarium (2001), a revista do Centro e Estudios Chamoso Lamas. Sobre a parroquia existe un blog, San Fiz de Navío, con moitas curiosidades e historias contadas por un veciño.

Sirva este pequeno texto para chamar a atención sobre o maltratado patrimonio histórico-artístico, etnográfico e arqueolóxico do concello de San Amaro e para reivindicar, unha vez máis, a protección e a difusión que se merece. O coidado do patrimonio non só debe obrigar ás administracións, senón tamén os veciños. Costa moi pouco diñeiro manter en pé tesouros etnográficos como os cabaceiros. Basta dar un paseo por San Fiz, ou por calquera outro lugar de San Amaro (Salamonde, Eiras...) para ver o desprezo co que se trata a estes emblemas da riqueza das casas dos nosos avós. Cando non se estragan e se tiran por obra pública, véndense, desfanse para leña ou déixanse esmorecer paseniñamente nas invernías. Se ninguén o remedia, non quedará rastro deles. Un arqueólogo da Xunta de mediados do século XXI podería afirmar, cunha lixeira inspección ocular, que no concello de San Amaro non houbo hórreos ou cabaceiros nos séculos XVIII, XIX e XX. 

Sirva tamén esta pequena lembranza do patrimonio do San Amaro para que as administracións culturais se involucren na precura dos restos arqueolóxicos que se agochan nesta ladeira do concello, a menos de cinco quilómetros da citania de Lámbrica.

 

Cabaceiros en Navío