Os petroglifos do Coto 

en Santa Cruz de Arrabaldo

 

Na parroquia ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, moi cerca da aldea de Casar do Mato e da ribeira do río Barbantiño, a escasos tres quilómetros en liña recta dende Lámbrica, existen restos arqueolóxicos que nos falan da prehistoria desta comarca. As obras da autoestrada AP-53, que une Compostela con Ourense, derrubaron un xacemento consistente en rochas con petroglifos. Conservan dous trozos desas rochas. Unha contén erosións naturais e outra -un fragmento do orixinal- presenta unha impresionante combinación de círculos, liñas radiais e coviñas. 

Ó seu lado puxeron un cartel explicativo que dí así:

“Grazas ás obras de construción da autoestrada AP-53 púxose ó descuberto un novo xacemento arqueolóxico prehistórico inédito ata o momento: o petroglifo de O Coto.

Estas gravuras sobre un bolo granítico foron feitas probablemente por sociedades da Idade do Bronce que habitaban estas terras entre o III e o II milenio antes de Xesucristo.

Os motivos de temática abstracta que se poden observar son tres espectaculares combinacións de círculos concéntricos, dous deles recheos con liñas radiais, coviñas e liñas.

Este xacemento arqueolóxico leva máis de 4000 anos neste lugar.”

Dende o Coto de Arrabaldo pódese divisar claramente, hacia o Occidente, o monte do Santrocado (o bico, ó fondo á esquerda na fotografía seguinte) e, un pouco máis ó Norte, a chaira onde se asentou a Cidade de Lámbrica.

Na mesma ladeira do monte existen lendas que falan dun pasado remoto que espera o seu estudo. Tamén aquí hai unha "Silla do Rei" e, oculto por toxos e xestas, puidemos ver un lagar rupestre, tallado nunha laxa do monte. Ó lado do lagar existen máis rochas nas que puidemos ver algunha coviña. Obviamente, como é tradición nestas nosas terras, o patrimonio arqueolóxico deste monte de Arrabaldo está abandonado, exposto a incendios e sin o correspondente estudio nin sinalización, se exceptuamos o fragmento de rocha con petroglifos "grazas ás obras de construción da autoestrada". Ata cando tanta desidia?

Os paneis de petroglifos son algo máis que manifestacións artísticas. A súa contemplación fóra do lugar onde foron gravados desbota para sempre a posibilidade de establecer hipóteses sobre o motivo da súa realización. Sexan mapas ou representacións astronómicas, "grazas" ás obras da autoestrada perdemos unha posibilidade importante para poder avanzar no estudo do significado destas combinacións de círculos e liñas.