O topónimo Lámbrica na ara de Bandua de Eiras

25.12.2016 10:21

Castellanoparlantes

   

 

ARA DE EIRAS

 

Eiras é unha aldea ourensá distante menos de dous quilómetros de San Cibrao das Las, onde está unha das citanias máis espectaculares do Noroeste peninsular. En Eiras apareceu unha ara romana adicada a Bandua, peza importantísima, que foi vítima de interpretacións diverxentes do seu epígrafe.

Nesas lecturas considérase que figura o nome do castro de Las, tamén castro de Ourantes: *Lansbriga, *Laniobriga, *Alaniobriga... Incluso se chegou a ler *Palambrigensi (VIDÁN TORREIRA). Se observamos o epígrafe con atención chegaremos á conclusión de que todas as anteriores lecturas non poden ser correctas porque non contemplan o M, exceptuando a lectura de VIDÁN TORREIRA que, aínda que nos parece fantasiosa, merece ser citada porque ten o mérito de que chegou a ver o M de Lámbrica

A lectura que podería proporse é a seguinte:

BANDV
A LAMB
RICAE AE
MILIVS RE

BURRIN V
S

“A Bandu / a de Lamb / rica E / milio  Re / burrino cumpriu o seu voto”.

 

Resaltamos na fotografía adxunta con liña amarela o topónimo Lámbrica entre as liñas segunda e terceira da inscrición.

 

A letra "A" final de BANDU / A, ofrece certa dúbida por non ser un A ao estilo das outras do texto. Pode parecer un "R"  (obsérvese o parecido coa primeira da liña seguinte, que tamén é un "R"). Confiemos en que esta importante lagoa na interpretación poida ser resolta canto antes. De todos xeitos, esta dúbida non afecta ao topónimo que queremos destacar: LÁMBRICA.

 

Non hai datos arqueolóxicos que confirmen o lugar de aparición da ara de Eiras. A súa ubicación estivo sempre ligada a esta pequena aldea, na contorna da reitoral, da igrexa e dos pazos de Eiras. Neste lugar tan privilexiado apareceron restos dunha vila romana, polo que é posible que o adicante da ara, Emilio Reburrino, fose algún posuidor desta vila. A súa cercanía ó castro de San Cibrao das Las e Ourantes fainos supor que a vila de Eiras era dependente militarmente dos habitantes da citania. En Eiras, ademais de restos dun mosaico e de tégulas romanas, existen uns curiosos sillares con decoración reticulada nos muros da igrexa. Non coñecemos a súa función primitiva, pero existen paralelismos moi cercanos en O Formigueiro (Amoeiro) e na reitoral de Sagra (O Carballiño). Esta última, curiosamente, outra vila romana. Tamén hai que facer mención á existencia, a escasos metros ó Norte da igrexa parroquial, dun pequeno castro, do que se conserva o microtopónimo (O Castro). Existen rumores da aparición, neste monte de O Castro de Eiras, dunha figuriña antropomorfa en granito. 
 

Lámbrica é un topónimo coñecido na Antigüidade, citado por Pomponio Mela, entre outros. Houbo  numerosos intentos de ubicala, con bastante pouco fundamento, en diversos lugares de Galicia. Non hai datos suficientes para asegurar que a cidade citada por iste xeógrafo sexa o castro de San Cibrao das Lás, pero o que parece indubitable é que este topónimo existía en Galicia e que tamén puido servir para denominar a unha cidade fortificada das máis poderosas no Noroeste, o castro de San Cibrán das Las, se consideramos que BANDUA LAMBRICAE (Bandua de Lámbrica?) na inscrición da ara de Eiras se refire a un Bandua diste poboamento castrexo ou da súa área de influenza. LÁMBRICA ou LAMBRIGA sería, logo, o nome antigo da citania das Las, e Emilio Reburrino rexentaría na vila de Eiras un dos establecementos agropecuarios imprescindibles para alimentar á poboación daquela gran citania na que traballaban metalúrxicos, orfebres, oleiros, tecedeiros e guerreiros, aínda que está en revisión o feito de que estas sociedades fosen tan belicosas como queren moitos autores.

 

 

Para saber máis sobre a ara de Eiras:

BANDVA, AEMILIVS REBVRRINVS e o asunto de Lámbrica, en www.blogoteca.com/lambrica

Lámbrica, sempre, en www.blogoteca.com/lambrica

 

 

 En outubro de 2016 presentaba a ara de Eiras este estado tan lamentable. Desprotexida á intemperie, movida e agredido o epígrafe polos axentes meteorolóxicos... (fotografía cedida por Javier Torres).