O relevo castrexo de Anllo

08.05.2015 10:17

 

O relevo castrexo da reitoral de Anllo 

(San Amaro, Ourense)

 

 

Nunha parede interior que dá a un patio da casa reitoral, onde se realizaban faenas agrarias, atópase esta peza de granito reutilizada no muro da construción actual, próxima á porta que sae ó exterior. Descoñécese a orixe desta peza, pero non parece ter nada que ver co mundo cristián das igrexas e das reitorais. Chama moito a atención a perfección da súa talla.

En dous rexistros horizontais vemos motivos distintos. Na parte inferior, unha serie de liñas onduladas en alto -ou medio- relevo mestúranse entre si (o que se denominou como "SSS entrelazados". Algunhas terminan no que parece unha pequena bola (cabeza?), podendo ser interpretadas como serpes superpostas (a interpretación é persoal).

No rexistro superior podemos ver o mesmo tipo de liña en altorrelevo, pero agora non forman SSS -serpes- que se mesturan, se non que forman claramente circunferencias concéntricas arredor dun punto central. Estas circunferencias vémolas incompletas porque ou falta a parte superior da peza ou o motivo continuaría noutra pedra que non se conserva. No debuxo de ARIZAGA CASTRO e outros (páxina 118) móstrase como as circunferencias desta parte superior estarían unidas cunha liña central, formando parellas de círculos. Esta liña central parte dende a circunferencia máis próxima ó centro de cada círculo

 No rexistro inferior, que pode representar o mundo físico, cambiante, diverso e caótico, aparecen figuriñas entre as que sobresaen un antropomorfo e un animal. No rexistro superior (ceo, quietude, permanencia?) vemos puntos agrupados de tres en tres entre os "círculos", ou partes incompletas de figuras maiores, pero que estarían en serie. Ademais da diferenza nos motivos, distínguese pola repetición exacta, non dando a sensación de caos que produce o rexistro inferior. Esta sensación de caos do rexistro inferior vese incrementada polo feito de que as figuras que ocupan os espazos entre as sinuosidades das "serpes" son diferentes entre si. Tamén é posible que a pedra orixinalmente estivese ó revés, xirada 180º, cos serpentiformens na parte superior, como acontece en O Formigueiro (Amoeiro).

Separando ambos rexistros, así como arrodeando pola parte inferior da pedra e pola dereita, aparece o motivo do sogueado, moi utilizado dende antigüidade en cerámica e xoiería e que aínda podemos atopar en decoracións paleocristiáns. A parte esquerda foi modificada para encaixar a porta cando se utilizou a peza para inserila no muro da reitoral de Anllo.

A perfección da talla fai pensar nun monumento antigo de certo calibre, do que descoñecemos a súa función, pero claramente relacionado co mundo castrexo polos motivos decorativos utilizados.

A súa situación, nun patio á intemperie, exposta ós fenómenos meteorolóxicos, chea de musgo e inaccesible ó público, é un exemplo claro da desidia demostrada por autoridades culturais de toda índole no coidado, na protección, no estudo e na promoción do noso patrimonio arqueolóxico máis senlleiro.
 

 

Está na parroquia de Anllo, no concello de San Amaro (Ourense) e a menos de seis quilómetros do centro de interpretación castrexa de San Cibrán das LasLámbrica.

 

Bi
Bibliografía
ARIZAGA CASTRO, Á.; FÁBREGA ÁLVAREZ, P.; AYÁN VILA, X.; RODRÍGUEZ PAZ, A.: “A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense, Galicia)” en Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, núm. 119, pp. 87-129. Santiago de Compostela. 2006.