Descrición de Lámbrica ou citania de San Cibrao das Las

30.08.2017 18:58

 

Castellanoparlantes

 

LÁMBRICA

A Cidade da Chaira ou dos Chaos  

 

Máis coñecida como castro de San Cibrao de Las, LÁMBRICACidade forte (-briga) de Lam ([an], chao, chaira), nome que significaría A Cidade Forte da Chaira ou dos Chaos, está situada entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín. 

É unha citania situada nun outeiro de 469 m. de altitude, unha elevación case chaira na súa cima, por iso as súas inmediacións son coñecidas aínda hoxe polas xentes dos arredores como A Chaira. O termo chaira pode dar lugar a confusión, imaxinándose moita xente un val, sobe todo aquelas persoas de fóra de Galiza que traducen literalmente por "llanura". 

Neste caso non se trata dun val, pois son formacións xeolóxicas moi antigas, de certa altitude e moi erosionadas, o que lle confire o aspecto de pequenas mesetas. Este tipo de formacións pasaron á toponimia e a microtoponimia como Chaos.  Existen montes con esa denominación nos arredores (Monte do Chao entre Eiras e Vilar de Rei) e entidades xeográficas como Os Chaos de Amoeiro, de idéntica factura xeolóxica.

FERNÁNDEZ ALBALAT opina que as dúas raíces que constitúen o topónimo presente na ara de Eiras son aparentemente contraditorias no seu significado: LANONchaira ou lugar plano, e BRIGAfortaleza, montaña, elevación (FERNÁNDEZ ALBALAT, 1990, páxina 135). Se visitamos a citania comprenderemos ben como é posible a existencia dunha fortificación elevada e chaira á vez.

Outra denominación  tradicional é O Monte da Cidade. No mapa (ver mapa na páxina de inicio) márcase a aldea da Torre, situada a só 400 metros ó norte do xacemento, pero tamén está moi cerquiña das aldeas de Cristimil  e de Vilar.


A citania é coñecida na bibliografía como Castro de San Cibrao de Las, pero poderíamos concluír que Lámbrica é o seu nome orixinal se consideramos -como fan moitos autores- que o epíteto de Bandua presente na ara ara de Eiras se refíre á citania. O problema é que as lecturas que se fixeron do epígrafe son extremadamente diverxentes e con enmarañada bibliografía, xurdindo así outros dudosos nomes que tentaron atribuírse ó castro como *Lanobriga, *Lansbriga*Lansbrica ou *Alaniobriga. Na fotografía adxunta remarcamos en cor amarela o que consideramos o verdadeiro topónimo da citania ou, cando menos, a correcta lectura do epíteto de Bandua na ara: lambrica(e).

 

A súa situación no outeiro que divide a dúas parroquias (San Cibrao das Las e Ourantes, pertencentes, respectivamente, os concellos de San Amaro e de Punxín)  fai que sexa xusto chamarlle castro de San Cibrao das Las e de Ourantes. Tradicionalmente esta demarcación ía pola muralla oeste do recinto central do  castro, onde aínda se poden ver as penedas con marcas cruciformes que separaban  as parroquias. Hoxe, a delimitación municipal foi levada máis cara o Leste.


A superficie total do castro supera lixeiramente as 9 hectáreas. Trátase dun óvalo, máis ou  menos regular, co eixo maior orientado de norte a sur. Iste eixo maior mide 452 metros de lonxitude. O eixo menor mide 253 metros. No centro do xacemento érguese un  recinto amurallado que ten unha superficie de 0,86 hectáreas, o recinto central, tamén con forma ovoide e co eixo maior  en sentido Norte-Sur. Para entrar no recinto só hai dúas portas, unha occidental e outra oriental. Antes de entrar nesta última, á dereita, hai unha base de monumento con escalinata. Chama a atención que a máxima altitude do castro está na porta occidental do recinto central, o que conleva que todo este recinto quede na ladeira Leste do monte. As vivendas da poboación non estaban non recinto central, polo que se lle supón un uso para actividades de élite ou para reunións comunitarias, de tipo militar, económico (almacén de víveres ou mercadorías) ou relixioso. Existen paralelismos noutros castros (Chao de Samartín en Asturias, Monte Mozinho en Portugal) nos que o recinto central tiña unha función sacra, cerimonial, comunal ou de elite. En canto ao almacenamento, coñecemos que no cercano castro do Castelo de Laias detectouse no seu recinto superior unha secuencia de silos superposta que empeza na I Idade do Ferro.

 

No recinto central do castro de Lámbrica apareceron algunhas inscricións singulares. Entre elas, temos unha clara alusión á divindade na pedra onde os romanos inscribiron unha adicatoria a un dos principais deuses do seu panteón, Xúpiter: IOVI

O recinto medio, onde se situaban as vivendas da poboación, arrodea ó recinto central. A súa superficie é moito maior que o anterior e dispón de diversos grupos de cabanas, chamados "barrios" por influenza da arqueoloxía portuguesa. Trátase de unidades de habitación, posiblemente dunha familia, onde se atopan as estancias necesarias para o desenvolvemento da vida cotiá dun pequeno grupo humano: lareira, almacén, pequenos talleres ou estancias diversas, dependendo das actividades económicas e do tamaño do grupo que as habitou.

 

A muralla do recinto medio, que arrodea todo o castro, posúe dúas portas nos lados Leste e Oeste. De cada unha destas portas parte unha calzada ó recinto central. Polo sector Suroeste existe un terceiro recinto pechado por outra muralla máis exterior. Ista terceira muralla só é visible nunha lonxitude de, aproximadamente, 400 metros, aproximándose á muralla do recinto central claramente no sector sur, onde se xuntan as dúas formando unha especie de trampa -a modo dos foxos de lobos- que podería constituír un elemento defensivo para acorralar a grupos atacantes procedentes da porta occidental. A anchura deste foxo  ten, aproximadamente, 10 metros, pero chega ós 24 diante da porta Oeste ou porta principal. Cara o suroeste, nesta muralla máis exterior, existe outra porta máis estreita e menos monumental que a principal.

Constitúe un castro romanizado, con posible planificación tardía sobre un xacemento anterior. O urbanismo é notable, sendo destacables as rúas que comunican os lados maiores do óvalo, onde se sitúan as portas do castro, coas portas do recinto central. Existen evidencias dunha planificación radial das rúas, partindo dunha rúa que circundaría o recinto central e desembocando noutra rúa periférica o espazo intramuros que recorre a parte interior da muralla do recinto medio. Outras manifestacións de urbanismo son visibles nas canles de evacuación de augas pluviais, para evitar a súa chegada ás cabanas. 

Hai que ter precaución cando se fala de "castro romanizado", pois non debemos confundilo cunha cidade romana. Trátase dun castro nun ámbito rural que mostra débiles signos de aculturación romana, pero sin as características urbanísticas que se lle atribúen ás cidades do Imperio. 

Tamén existen, cando menos, dous alxibes ou  fontes, unha, a máis monumental e coñecida, con planta absidal e escaleiras, está situada dentro da muralla no sector oeste do recinto medio. Presenta na súa contorna unha complicada disposición de muros, posiblemente froito de diversas reconstrucións, e posúe unha saída directa de auga cara o exterior da muralla, para evitar inundacións nas invernías.  O outro alxibe que se coñece está situado no sector sur, pero fóra da muralla  e do castro, aínda que pegado a él. Non se coñece saída dende o interior,  polo que a súa utilización polos habitantes do interior do rectinto fáisenos incómoda. Iste alxibe ten unha disposición irregular, bastante profundidade, case  tres metros, e rudimentarias escaleiras. É de supor que as súas augas procedan dun manancial interior, aínda non descuberto, no sector leste do recinto medio.

As vivendas do recinto medio están agrupadas nos chamados núcleos de habitación, lugares nos que se distribúen cabanas, nas que se identificaron usos diversos. Todas as cabanas de cada grupo dan a un lugar común, a modo de patio, polo que se considerou que constituían núcleos habitados por un grupo familiar. Nas épocas de maior poboación, a citania puido albergar entre 1800 e 2200 habitantes no interior das súas murallas.

De entre os materiais recuperados nas escavacións hai instrumentos da vida cotiá, como as pesas de tear (pondus), fusaiolas (utilizados nas labouras téxtiles). Tamén é frecuente a aparición de escouras de mineral de ferro, residuos de fundición nos talleres locais. Pero o máis abundante nas escavacións son os restos de cerámica, con pezas de procedencia local e foráneas. Entre estas últimas destacar a existencia de grandes recipientes para transporte de produtos coma o viño ou o garum, pero tamén vaixelas finas de mesa, como as de cerámica sigillata. Nas escavacións son frecuentes as pezas de adorno persoal, doas de vidro, alfinetes, fíbulas, prendedores de pelo... Destacar tamén a aparición dalgunha moeda de época romana.

 

En canto á arte, destacar este fragmento de relevo realizado en granito, posiblemente parte dun friso, que apareceu nunhas escavacións en 1982. Nun radio de 6 quilómetros apareceron outros relevos castrexos, reutilizados en vivendas e capelas: Anllo (San Amaro), O Formigueiro (Amoeiro), Fontefría (Amoeiro) e San Xiao, tamén en Amoeiro. En lugares máis alonxados, pero dentro da mesma provincia, podemos atopar motivos idénticos ós do castro de Lámbrica na capela de Fondo de Vila de Xunqueira de Ambía

 

En escultura exenta destacan dous antropomorfos aparecidos en 2004. Unha delas fáltalle a cabeza, tendo os brazos cruzados e as palmas das mans sobre o ventre. Podería tratarse de deidades femininas relacionadas habitualmente co culto á fertilidade, existindo paralelismos deste tipo de representación noutros castros do Noroeste (Briteiros, por exemplo).

 

O segundo antropomorfo aparecido en Lámbrica, de factura moi tosca, ten a boca entreaberta con ollos grandes, carecendo de extremidades inferiores. Coa man esquerda parece tocar o peito dereito, situando a súa man dereita no baixo ventre ou na zona xenital. Descoñecemos se existe intencionalidade, pero o tronco da figura tamén semella ter forma de cabeza humana, con expresión burlona ou de sátiro. Para apoiar esta hipótese podemos destacar a distinta fisionomía de cada unha das mans da "deusa": A esquerda remata cunha man en forma de bola, que ten no peito, pero a man dereita remata de xeito que simula a boca do "sátiro". As fotografías da Deusa que acompañan a este texto son cortesía de Élida Rodríguez Solla.

Esta escultura seica apareceu reutilizada como elemento construtivo, formando parte dun paramento, o que indica que cando se construiu o muro xa perdera a súa función representativa ou, moi posiblemente relixiosa. O dato ten a súa importancia, pois pode indicar que houbo unha reconstrución dun castro anterior, o que parece corroborar a perfecta planificación de toda a citania.

En outubro de 2016 recollíase na prensa local ourensá o achádego nas escavacións dunha nova cabeza de pedra, un bloque alongado de granito cunha figura de testa nun dos extremos, sendo moi lóxica a súa colocación embutida nunha parede coa cabeza cara o exterior.

Sabemos da existencia doutra cabeza labrada, de 15 centímetros, nun bloque de granito de 44 x 50 centímetros, da que nos informa CALO LOURIDO, atopada nas escavacións de 1982.

 

Non podemos esquecernos do fermoso e ben traballado tríscele, ou trisquel, descuberto nas escavacións de X. Lorenzo Fernández en 1948, que formaba parte do sollado dunha construción. Outras pezas de interés son a cabeza humana de 15 centímetros (nun bloque de granito atopado nas escavacións do ano 1982) e unha "roseta de 6 pétalos circundados por unha moldura lisa", atopada por López Cuevillas en 1922.

  Tamén sabemos da aparición en outubro de 2016 dunha peza de granito que ten labrado un trisquel de follas dobles, que poderíamos definir como exasquel.

 

Para rematar, algo de patrimonio inmaterial, unha lenda publicada por Cuevillas e Bouza Brey en 1929, recollida de Segundo González de Eiras: "N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca".

Coñecemos tamén nesta citania referencias orais as dúas trabes, unha de ouro e outra de alcatrán, que había debaixo do monte, e outras que falan da Silla do Rei, repetida en outros castros galegos.

Outra lenda, escoitada por min na aldea de Xinzo (Eiras): "No Castro Martiño, un pequeno castro inmediato á aldea, contaban os vellos que existía unha mina onde había unha serpe tan longa que cheghaba ata a cima da Cidade, pero a Cidade para eles era o San Trocado". É moi curiosa esta aclaración, pois dalle ó castro de Santrocado a mesma categoría que a da Cidade de Lámbrica, polo que é fácil imaxinar que ambos castros formasen parte da mesma entidade política.

 

Ver galería de fotografías da Cidade de Lámbrica

 

Ver máis sobre a Cidade de Lámbrica e o seu territorio, no blogue Arredor de Lámbrica