A liña equinoccial da igrexa de Eiras e a súa relación coa ara de Bandua

13.10.2016 18:36

Dentro da finca do pazo de Eiras, moi cerca da Carballa centenaria e do lugar onde se situaba un cruceiro, está a ara de BANDUA LAMBRICAE ou ara de Eiras. O punto exacto onde se atopa a ara está, aproximadamente, a 90 metros da igrexa parroquial de Santa Uxía. 

Recentemente circula polas redes sociais unha fotografía que, se a comparamos coas que se fixeron en 2007, poderemos apreciar certa perda de verticalidade ou inclinación cara a esquerda, así como que a superficie do chan está a unha cota ou nivel máis baixo con respecto á base da ara. Todo elo fai sospeitar que puido ser movida para tratar de retirala. 

XAQUÍN LORENZO cando aportaba as medidas do epígrafe decía que non se sabía a altura da ara porque "tiña a parte baixa enterrada". Por iso é posible que o granito continúe baixo terra despois da base da ara, é dicir, que esta non sexa plana, aspecto feliz ó que pode deberse que a peza continúe no mesmo lugar, allea ao espolio do resto do pazo nestes últimos anos, incluídos o cruceiro da Carballa e a imaxe do Santo Antonio que presidía o portalón de entrada ao patio. E digo feliz porque a ara era accesible dende o exterior para todo aquel que quixera, sen ningún tipo de traba, peche ou protección.

Voltando á ubicación concreta da ara, que dende hai moitos anos tivo enriba unha mesa de pedra e estaba arrodeada dun banco corrido do mesmo material, temos que subliñar que a liña equinoccial que parte dende ese lugar cara o solpor (Oeste), atravesa lonxitudinalmente a igrexa de Santa Uxía de Eiras. É dicir, que construíron a igrexa respectando a liña ara-solpor nos equinoccios ou, dito doutra forma, a liña Leste-Oeste que recorre axialmente a igrexa pasa pola ARA DE BANDUA. A aliñación equinoccial coa igrexa tratamos de demostrala baseándonos na cartografía catastral, dispoñible ao público na Sede Electrónica do Catastro. A liña horizontal amarela que debuxamos no plano cruza lonxitudinalmente a igrexa, á esquerda da imaxe, e remata á dereita, no lugar onde se atopa a ara de BANDUA LAMBRICAE.

Tamén podemos utilizar unha imaxe de Google Earth, da que obteremos o mesmo resultado.

Con estas dúas circunstancias, o soterramento dunha parte da pedra da ara e o aliñamento equinoccial, poderíamos sospeitar, incluso afirmar, que o lugar que ocupa a ara foi o seu emprazamento orixinario, servíndonos así como primeiro argumento para esgrimir fronte a aquelas persoas que fan a orixe da ara na citania de Lámbrica, chegando a dicir, incluso, que foi un agasallo de Cuevillas á Casa Grande, aspecto que, de ser certo, deberían demostrar documentalmente. 

Un segundo argumento para defender que a ara está no seu solar orixinal sería o feito de que, dende os anos vinte, as persoas das aldeas da contorna, os nosos avós que naceron cara a 1900 e que, os que temos certa idade, chegamos a coñecer, terían memoria de que trouxeran, seguramente nun carro, unha grande pedra do castro. Houbera sido un acontecemento na aldea, que daría lugar a contos e lendas. Pero non hai constancia de ningún comentario, lenda ou díxome-díxome que aluda a tal feito, o cal xa parece moi raro. 

Como terceiro argumento podemos afirmar que a ARA DE BANDUA LAMBRICAE está nun lugar arqueolóxico onde aparece tégula, no adro da igrexa e na finca da reitoral anexa. Tamén apareceron, según relata RODRÍGUEZ COLMENERO, nas inmediacións do adro, uns restos de mosaico romano, que volveron tapar apresuradamente por orde do cura. Quere isto dicir que a ara de Bandua atópase nun lugar onde había vivendas en época romana. 

Finalmente, engadiremos un cuarto argumento: Aínda que nos inicios da romanización e, independentemente de que houbera vida na citania de Lámbrica, con actividades de control do territorio, metalúrxicas, téxtiles e outro tipo de  manufacturas (o que sería unha cidade ou protocidade, para entendernos), nos vales de Loucía e Eiras tivo que haber por forza actividades agropecuarias para procurar a alimentación necesaria para as persoas que non cultivaban. As 3000 persoas que vivían na citania debían de comer bastante, e necesitaríanse explotacións agropecuarias diversas e dispersas. A dispersión da poboación está corroborada pola existencia dunha constelación de pequenos castros que arrodean á citania. Algúns destes lugares ostentarían titulares latifundistas, de familias destacadas indíxenas e/ou romanas. Emilio Reburrino puido ser un destes potentados latifundistas que, cara o século I surtía de alimentos á poboación de Lámbrica, venerando na súa propiedade a BANDUA, a quen erixiu un ara para cumprir un voto. O lugar sería cristianizado andando o tempo, cun cruceiro que había fóra do valado do pazo, onde tamén se conserva unha carballa varias veces centenaria, e levando alí cultos e procesións relixiosas procedentes da inmediata igrexa parroquial. 

Esta última, anteriormente en solar descoñecido, edificouse, pode que no devecer do románico, seguindo a liña do lugar de culto a BANDUA cara o Occidente, desprazándoa con respecto á ara última uns noventa metros. Na fábrica reaproveitáronse pedras máis antigas, coma uns curiosos sillares reticulados, que denuncian a existencia dunha vila romana, pois teñen aparecido pedras similares en outras villae da nosa Terra. Non existen vestixios artísticos de fábrica románica, pero a tradición oral da aldea aseguraba que había, xa non hai, no adro un carneiro, elemento románico que coroaba os cumios dos tellados das igrexas románicas e que habitualmente se confunde co Agnus Dei. Isto dá pé a sospeitar que houbo algún edificio anterior que dispoñía de tal elemento decorativo. 

Entre os anos 1670 e 1740, a igrexa sería reformada coa construción dunha nova cabeceira e co engadido dunha capela da Purísima, feita e dotada por Bartolomé Vázquez de Sabariz e a súa familia, parentes dos donos do pazo de Eiras. Tamén se realizou a sancristía e situouse tras o altar un fabuloso retablo, ideado por Francisco de Castro Canseco, de catro columnas salomónicas de cinco voltas, feito en Ourense e traído a Eiras en 1704. A fundación do pazo de Eiras consta documentalmente en 1600 por don Juan Vázquez de Castro. A fundación produciríase inevitablemente sobre un casarío preexistente, dentro do cal estaría o lugarciño sacro onde posiblemente ficaría o altar de Bandua Lambricae, que erguera Emilio Reburrino.

Por iso, o catolicismo consolidado e enraizado en cultos antiquísimos, levará, anualmente cada 24 de agosto, as procesións do San Bertolameu á varias veces centenaria Carballa, levando en andas ao santo que pisa a cerviz de Astarot ou Astarté, un paseo ritual que visita as inmediacións do solar de BANDUA, dando a volta ao, agora desaparecido, cruceiro, a rentes do valado do pazo de Eirasonde tamén houbo unha fonte, lugar de culto milenario dos habitantes da parroquia. 


Obviamente, estas argumentacións sobre a defensa de que a ara está no seu lugar primixenio quedarían sen efecto dende o momento no que se demostre documentalmente, e de xeito fidedigno, que foi certo o episodio do agasallo de Cuevillas. Pero... alguén de vós deixaría no seu xardín unha ara bimilenaria que vos regalaran? Non será que existe algunha razón para non movela do sitio e por iso se fixeron a bancada arredor dela e a mesa de pedra? 

Finalizar co chamamento ás administracións culturais deste maltratado país para que, dunha vez por todas, se fagan eco da necesidade de protexer o patrimonio cultural, coa advertencia de que no lugar da ara fanse necesarias actuacións ou catas, máis alá da simple retirada da ara, se é que deciden retirala, tendo en conta o contexto arqueolóxico no que se ubica.