Coviñas no Monte do Chao

 
O Monte do Chao atópase entre as parroquias de Eiras e de Vilar de Rei, dividindo tamén os concellos de San Amaro e Cenlle. Dende o lugar visitado, onde se atopa un cruceiro da parroquia de Vilar de Rei, obtivemos esta vista da Cidade de Lámbrica, situada a só dous quilómetros de distancia.
 
O cruceiro aludido está no medio dun piñeiral. Está orientado de Norte a Sur, cos brazos ó Leste e ó Oeste. Non coñecemos datos da súa fábrica, pero parece ser obra do século XVIII. Consta de dúas pezas: unha cruz latina superior e unha columna ou fuste encravada directamente nunha peneda. A peneda non ten ningún traballo de laboura, pero na súa superficie descubrimos un conxunto de coviñas. Particularmente, vense moi ben catro, que se sinalan con círcunferencias vermellas nunha das fotografías seguintes.
 
Non é difícil atopar penedas con antigas atencións, particularidades ou cultos, que foron cristianizadas, ben sexa coa erección e cruceiros -como é niste caso- cou co establecemento de capelas ou igrexas. O feito de erguerse cruceiros ou capelas ó seu carón dá pé a pensar que as representacións deste tipo de gravuras tiveron algo que ver co mundo relixioso. As datacións que soen darse varían entre dous mil e mil cincocentos antes de Xesucristo, aínda que puideron ser posteriores. A presenza de cultos que perviviron entre as persoas das aldeíñas prerromanas foi reconducíndose, coa participación activa das autoridades eclesiásticas, tras a chegada do cristianismo, transformando paseniñamente os antigos lugares de culto, funerarios ou de maxia, ós que se acudía dende tempo inmemorial, en lugares onde a cruz ocupa un lugar preferente. 
 
Os petroglifos ou coviñas do Monte do Chau non están catalogados e o lugar atópase descoidado, como case todo nestas nosas terras, a menos de dous quilómetros da Cidade de San Cibrao das Las ou Lámbrica, e moi cerquiña do Santrocado. O lugar está tamén a un quilómetro en liña recta dos petroglifos da Ermida de Eiras, que se atopan xusto ao Sueste dos petroglifos do Monte do Chau.