Castro de Ourantes

Castro de Ourantes

19.04.2015 20:28
 

 

Castro de Ourantes

 
 

 

No concello de Punxín (Ourense), a 700 metros en liña recta da Citania de Lámbrica, atópase este pequeno castro de arredor de 0,56 hectáreas de superficie, na parroquia de Ourantes e moi cerca da aldea de Rubiás.

Polo lado Norte do castro, dende a estrada que baixa ata Barbantes, pódese ver un pequeno tramo da antiga muralla, destapado nunhas escavacións

O castro anúncianos cal foi a orixe das aldeas de Rubiás e de Ourantes. Poderíamos aventurar que estaría habitado entre os séculos VI e I antes de Xesucristo, ou, incluso, posteriormente, aínda que a empresa que realizou unha pequena escavación, no contexto do "estudio territorial realizado en torno al Centro de la Cultura Castreña de la RGPA", afirma na súa páxina web que se dataría nos séculos "IV-III a. C". 

 

As labouras agrícolas e gandeiras, posiblemente tamén mineiras, poderían constituír o sustento daquelas xentes, que observarían ó seu Occidente -a menos de oitocentos metros, como xa dixemos- a impresionante silueta da Cidade de Lámbrica, coa que os habitantes do castro de Ourantes terían inevitables e comprensibles relacións de sometemento. Seguindo os caprichos do parcelario, o castro de Ourantes estaría unido coa citania de Lámbrica, na actualidade, por un camiño de, aproximadamente, 1400 metros, que pasaría moi cerca da aldea de Vilar.

Temos logo un territorio cunha grande citania -Lámbrica- que está rodeada por unha constelación de pequenas aldeas castrexas dende as que se explotaría e se vertebraría ese mesmo territorio. Da serie que temos á esquerda desta páxina (Santrocado, Castro Martiño, Castro de Ourantes e Castelo de Laias, derrubado polos construtores da autovía A-52) faltarían outros como o castro de Eiras, o Castro de Salamonde e o Castro de Casardomato ou de Beariz. Todos eles tiveron que estar, en algún momento, suxeitos ó poder político de Lámbrica debido á súa proximidade á esta citania, onde hoxe se ergue fachendoso o centro de interpretación castrexa.

 

Nunca poderemos comprender ben a citania de Lámbrica se non tratamos de ver como se distribuía o poboamento polo territorio que a circundaba. Tras deste anel inmediato de pequenos castros, podemos situar, nun segundo nivel, outros xacementos algo máis lonxanos, pero case sempre comunicados visualmente con Lámbrica e a poucas horas de camiño ata ela. 

 

Como case todo nesta terra, do castro de Ourantes non existe sinalización, nin información pública accesible, nin xiquera limpeza. Polo que poidemos escoitar dunha veciña, o monte é propiedade da Igrexa. Está a menos de cen metros da reitoral e da igrexa parroquial de San Xoán de Ourantes. 

 

Desta última, unha xoia do románico do século XIII, son as tres últimas fotografías que acompañan a este artigo. A igrexa foi reformada no século XVIII, engadíndolle a torre das campás. Destacables tamén o cerramento da reitoral -totalmente abandonada, con escudo dos Sarmento- e a paisaxe, con algúns castiñeiros centenarios.