Castro de Casar do Mato en Beariz 

(San Amaro)

 
A 2,60 quilómetros ao Oeste de Lámbrica érguese o pequeno castro de Casar do Mato, na parroquia de San Martiño de Beariz (concello de San Amaro). Tamén está cerca das aldeas de Outeiro e Figueiredo, onde hai unha casa de turismo rural, non moi lonxe do moderno mosteiro budista de Ventoselo.

O castro está situado na cima dun outeiro e ten forma dun pequeno óvalo cuns 170 metros no seu eixo maior. A superficie aproximada que encerran o que parecen ser murallas é duns 13000 metros cadrados e atópase totalmente parcelado, dividido entre propietarios particulares. En superficie non se atopan restos, pero sabemos da existencia do xacemento pola toponimia (O Castro). Nas aldeas de Outeiro e de Casardomato aparecen pedras nas casas que parecen de procedencia castrexa, entre as que se inclúen restos dalgún muíño de man.

Un pequeno outeiro, asollado, ben orientado e con auga abundante parece ser o lugar idóneo para o establecemento gandeiro e/ou agrario. Enriba, existe visibilidade directa coa citania de Lámbrica (San Cibrao das Las) e co castro do monte do Santrocado. Na fotografía vemos ó fondo a chaira onde se asenta a citania de Lámbrica. A relación do castro de Casar do Mato con Lámbrica, tanto pola cercanía como pola comunicación visual, parece evidente. Este tipo de establecementos pequenos, orixe de moitas aldeas da contorna, contribuirían ó desenvolvemento da cidade de Lámbrica aportando non só man de obra, senón tamén produtos agrarios que serían moi ben acollidos polos habitantes da citania das Las. O castro de Casar do Mato nunca foi escavado nin se sinalizou e o interese pola súa conservación e posta en valor non existe nas administracións culturais.

Na contorna máis inmediata coñecemos, ademais dos xa citados de Lámbrica e Santrocado, outros establecementos de pequeno tamaño, similares ó de Casar do Mato. Un é o castro de Eiras. Outro é o Castro Martiño, na aldea de Xinzo, ambos na parroquia de Santa Uxía de Eiras. Outros pequenos castros podemos atopalos na parroquia de Ourantes (Punxín) e na parroquia de Salamonde (San Amaro). 
 
Todos eles gozan da mesma protecciónsinalización e posta en valor que o castro de Casar do Mato, pese a estar na contorna dunha citania tan importante coma o castro de San Cibrao das Las, Lámbrica. Non será posible entender ben a citania de Lámbrica mentras se descoñeza a constelacións de pequenos castros que a arrodeaban. 

 
 
 
 

Nas fotografías seguintes, de outubro de 2016, vemos parte da ladeira oriental do Castro de Casar do Mato, en Beariz (San Amaro), onde hai un socalco con escaleiras e un camiño tradicional que remata na fonte, ao lado dun regato e ao pé do castro.

Cabaceiros na eira de Casar do Mato